Saturday 18 de May de 2024

A Xunta licita as primeiras actuacións do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, ao que destina 35,5 M€


Ethel Vázquez explica que o Plan suporá actuar nun total de 1.105 paradas de autobús da Xunta, reforzando a seguridade, o seu equipamento e a mobilidade na contorna

Sinala que as actuacións garantirán a conectividade a través de sendas e beirarrúas, e a accesibilidade das persoas con dificultades de mobilidade, executando ramplas de acceso e dotando a contorna de pavimento podotáctil

Destaca o reforzo da seguridade, ampliando o espazo nas paradas e incidindo na sinalización e na velocidade

Tamén se terá en conta a perspectiva de xénero: coa eliminación da vexetación dos arredores e a mellora da visibilidade e da iluminación

Na primavera iniciaranse as obras nas 32 paradas situadas ao longo de 15 km da AC-552, no seu percorrido polos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo

Salienta a aposta da Xunta polo fomento do transporte público, con máis de 3.500 liñas que percorren Galicia, con 1.800 autobuses e máis de 55.000 paradas

Fai fincapé nos máis de 90 M€ que a Xunta destinará o vindeiro ano ao transporte interurbano, financiando o 76% do custo da prestación deste servizo e o 100% no caso dos máis de 130.000 menores de 21 anos que empregan a Xente Nova, coa que viaxan de balde

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das primeiras actuacións do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas ao que a Xunta destina 35,5 M€.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse hoxe ata a estrada a AC-552, ao paso polo lugar de Cancelo de Arriba, no municipio da Laracha, para explicar o novo Plan, que suporá actuar nun total de 1.105 paradas de autobús da Xunta.

A conselleira apuntou que o obxectivo é reforzar a seguridade, mellorar o equipamento das paradas de autobús e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na súa contorna, “sabendo que as paradas son o primeiro elemento de contacto entre o usuario e o transporte público”, subliñou.

Referiuse ás actuacións que se levarán a cabo baixo este plan. Segundo dixo, por unha banda, as intervencións previstas garantirán a accesibilidade, pensando especialmente as persoas con dificultades de mobilidade, executaranse ramplas de acceso e dotarase á contorna das paradas de pavimento podotáctil. Ademais, engadiu, tratarase de favorecer a conectividade das paradas, a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís.

Tamén se mellorará o equipamento das paradas, coa dotación de novos refuxios que protexan os usuarios fronte ás inclemencias do tempo, bancos e apoio isquiático que ofrezan comodidade aos viaxeiros durante a espera, remarcou.

Ethel Vázquez tamén se referiu ao reforzo da seguridade das paradas, ampliando o espazo, mellorando a sinalización e incidindo na velocidade. Ademais, dixo, terase en conta a perspectiva de xénero, eliminación a vexetación da contorna e coa mellora da visibilidade e a iluminación, dixo.

As actuacións de mellora de 32 paradas na AC-552
A titular de Infraestruturas e Mobilidade, explicou estas actuacións de mellora da seguridade e da accesibilidade deste Plan, no que a Xunta investirá un total de 35,5M, comezan precisamente por activar o investimento de 1,3 M€ nas obras que hoxe se licitan, para mellorar 32 paradas na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo. As empresas interesadas na execución dos traballos teñen de prazo ata o vindeiro 9 de decembro para presentar as súas ofertas.

A partir de aí, segundo avanzou a conselleira, e dado que neste caso non son necesarias expropiacións, o obxectivo é iniciar os traballos de mellora destas 32 paradas na AC-552 na primavera, cun prazo de execución de 12 meses.

Precisou que, no caso concreto desta estrada autonómica, mellorarase a seguridade e a accesibilidade en 32 paradas de autobús da Xunta, situadas ao longo de 15 km da vía, no seu percorrido polos tres citados municipios. A maioría das actuacións, un total de 18, executaranse no treito da estrada AC-552 ao seu paso polo termo municipal da Laracha.

Estas actuacións incluirán, o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús; a mellora da accesibilidade; a pavimentación da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

Ethel Vázquez fixo fincapé nesta nova iniciativa impulsada pola Xunta, aproveitando a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation de mobilidade sostible, tendo en conta os condicionantes e as restricións impostas polo Goberno de España, ao limitar o uso deses fondos ás contornas das grandes cidades.

A conselleira salientou a aposta sen precedentes nos últimos anos do Goberno galego polo fomento do transporte público, reflexada na renovación e modernización de todo o mapa de transporte interurbano da comunidade, con máis de 3.500 liñas de transporte que percorren Galicia, con 1.800 autobuses e máis de 55.000 paradas.

Esa aposta, engadiu, tamén se demostra nos máis de 90 M€ que a Xunta destinará o vindeiro ano ao transporte interurbano, financiando o 76% do custo da prestación deste servizo público e o 100% no caso dos máis de 130.000 menores de 21 anos que empregan a Xente Nova, coa que viaxan de balde no autobús da Xunta.

Vázquez Mourelle puxo en valor a dotación de máis e mellores infraestruturas do transporte, coa mellora das estacións existentes e o impulso das intermodais nas grandes cidades galegas, que no caso da Coruña a Xunta impulsa co inicio das obras da estación intermodal a finais de setembro cun investimento de preto de 40 M€.